No Bico un Cantar


Serenidade, dozura, vigor interno, emoción sostida, é o que estas cantigas, musicadas case todas por María do Ceo, nos transmiten. As músicas parecen unha felicísima contaminación de elementos galegos, portugueses e do estandar cosmopolita contemporáneo. Por veces, algún compositor noso do pasado -Montes, Chané- regresa e, ao pasar polo filtro do arranxo e da execución na voz de María, modúlase de forma diversa e inscríbese con forza no espírito do noso tempo, o Mestre nace así outra vez para o noso gozo. Os intérpretes instrumentais executan un son de fondo sabio, multiforme e apaciguador. María do Ceo domina, poderosa, a totalidade e, alén de provocar ondas de fervor na alma, pronuncia con mimo as palabras, vitaliza o seu contido semántico e expreme para nós o zume todo do poema. Os grandes poetas mortos de Celanova, Curros, Celso Emilio, coñecen agora unha existencia inédita no timbre e no corazón de María do Ceo. Tamén obteñen tal privilexio outros autores relacionados con esta terra de poetas ou casa de poetas. Eu estou certo de que a presente colectánea de cancións está destinada a prevalecer.

X.L. Méndez Ferrín

  1. Ai
  2. Os teus ollos
  3. Tempro deserto
  4. A rosalia
  5. Quixera alzar meu canto
  6. A morte
  7. Tiven un soño
  8. Moraima
  9. Escravitude
  10. Era galicia
  11. Haces bien en no mirarme
  12. Maria soliña
  13. Cantiga (unha noite na eira do trigo )
  14. Mariñeiros da marola
  15. Cantiga pra dormir un neno
  16. Xuramento
  17. Unha estrela me namora